Existe un gran descoñecemento da historia do noso concello, e en xeral de toda a comarca, desde a Prehistoria ata ben entrada a época romana. A Civilización do Ferro atopámola en poboados fortificados, os castros.; a Idade do Bronce está representada por achados soltos e a Neolítica e Calcolítica aparecen vencelladas a sepulcros megalíticos.
Centrarémonos, polo tanto, en primeiro lugar no estudio da cultura Megalítica. Esta arquitectura funeraria está formada por multitude de túmulos con cámara interior de pedra (espacio onde maior énfase se pon) que queda delimitada por grandes laxas verticais fincadas, a penas traballadas, e sobre as que descansan unha ou varias horizontais. Dita cámara sepulcral recubríase con pequenas pedriñas e terra formando un túmulo.
En Galicia existe unha terminoloxía propia para designar estos monumentos funerarios, como poden ser "mámoa", "medorra" e "mamoíña", que aluden ó túmulo que recobre o dolmen, e a este último dáselle o nome de "anta", "arca", "arquiña"...
Por desgracia para Galicia, e para o noso concello, as tumbas megalíticas foron sistemáticamente saqueadas polos "buscadores de tesouros", baseándose na idea de que poderían atopar ouro e demáis obxectos de valor.
Ó redor do noso concello existen multitude de necrópoles de mamoíñas dispersas polos concellos lindantes, entre os que cabe destacar as "Mamoíñas da Serra da Moá" pertencentes ó concello de Castro Caldelas. No noso concello son de destacar "As Mamas" , moi preto da vila de Cambela, ás que se accede doadamente desde o cruzamento da estrada da Moá que nos leva a Sas de Penelas. A 200m do cruce á marxe dereita, emprazada nunha penichaira é apreciable unha mámoa, que está achanzada, quedando ó descuberto os ortostatos, feitos de pedra xistosa, que forman unha cámara poligonal.
Existen diferentes teses acerca da orixe e difusión do megalitismo, e tamén discrepancias á hora de establecer unha cronoloxía. Existen hipóteses que sosteñen que nas fins do cuarto milenio a.C. chegan a Galicia procedentes de Portugal. Seguindo na mesma liña poderíamos conxecturar o comezo da cultura megalítica por volta do 3000 a.C. e o seu final cara ó 2000 a.C.. Isto significaría que as necrópoles anteriormente sinaladas serían construidas entre o Neolítico Final e o Bronce Antigo.
Percorrido histórico polo concello







